A miña intención, cando solicitei un cuadrimestre sabático para preparar actividades para a materia de "Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras" , era a de preparar un material alonxado dos cursos que hai para xente adulta sobre EMPRENDEDORES, e que me temo se reproducen en parte, sobre todo nos contidos, nas intencións do currículo publicado (DOG 13/07/07). O que si creo necesario é fomentar "Iniciativas Creativas" que axuden aos nosos alumnos a desenvolver as súas capacidades de creación e autonomía, das que tanto adolecen.
Paréceme arrepiante o tufo que desprenden experiencias que se propoñen para traballar na aula, de nenas que aos 12 anos montan o negocio da súa vida, elaborando e vendendo cremas de beleza, por poñer un exemplo.
Gostaríame mostrar unha cita de Javier Fesser, a raíz da súa experiencia en Senegal, financiada por UNICEF, na gravación de "Binta y la gran idea". Por certo, é a miña primeira recomendación no mundo "you tube" , hai que dispoñer de 29 minutos de tranquilidade para visualizala. (estou elaborando actividades para levar á aula. Agradezo suxestións.). "Niños, esas personas que por desgracia no se les permite votar. Esos tipos bajitos que se cabrean como todo hijo de vecino pero que, al contrario de los hijos de vecino, tardan un minuto en olvidar, perdonar y volver a reír. Los niños todavía piensan que el mundo puede moverse por la risa y el juego. No utilizan el dinero. No saben usar la ambición para pisar al de al lado y no han instalado aún en el disco duro el concepto del odio y la destrucción.
Los niños contagian inevitablemente su amor a la vida y su forma de mirar. Una mirada empapada de curiosidad y de ganas de experimentar, de probar, de enredar"
Certo que os nosos alumnos e alumnas están no tránsito de deixar de seren nenos para padecer a hormona da adolescencia. Difícil abordar este "temita". Pero polo que eu puiden averiguar (só dei un ano de clase na ESO) en 1º e 2º da ESO aínda seguen nas mans dos mestres. Todo é doado. Con faceren as tarefas, está concluído. Pero en 3º e 4º chegan todos os contidos xuntos. As materias teñen que estudarse e dominar unha morea de coñecementos.
E, como optativa: "Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras" De que vai esta materia? Trátase do mundo da empresa? Do negocio? De ser yuppie? Do simulacro de crear unha S.L ou unha cooperativa?
Para mín, o fin, o obxectivo desta materia sería a de axudar aos adolescentes a indagar que é o que se lles dá ben como para poder dedicarse a elo con paixón, con curiosidade, con entusiasmo, con alegría. É moi difícil averiguar - en calquera idade, máis na adolescencia- ao que se quere un dedicar na vida. Quen me ía dicir a mín que acabaría de mestra ! Teño moi pouca paciencia e ás veces non son o suficientemente respectuosa cos meus alumnos. Diríxome aos rapaces como se xa soubera todo acerca deles... Que difícil, tamén, que os adolescentes che digan algo da súa vida ! Que difícil que se interesen polo oficio dos seus pais, dos seus avós! Como facelos pensar en gañarse a vida! Para que saír do colo da nai e da protección paternal! Como pensar que materia me interesa máis, se só busco o aprobado e que pase o tempo para xogar e ligar (poderosa novidade !)
Intentar organizar un grupo de poderosos xoves e traballadoras mulleriñas consumidoras (cadaquén da súa nai e do seu pai e as súas circunstancias) e poñelos a traballar e pensar sobre o que lles gustaría ser, de que vivir, facendo que... Porque non toda a vida imos seguir dependendo dos nosos pais e nais... É tarefa complicada.
Aproveitarei que estou fóra da aula para propoñer unha metodoloxía de PROXECTOS que axuden a reflexionar sobre:
- o coñecemento persoal, o que arranca dun mesmo, das propias experiencias e vivencias (a música, o deporte, o twenti, a fotografía, o video, a radio, a televisión, xogos, amigos e amigas, familia.. )
- o coñecemento da tribu, dos nosos devanceiros, os avós e as avoas, a comunidade á que pertencemos, como nos organizamos, as nosas institucións, o territorio que pisamos, os nosos costumes e cultura.
- o coñecemento científico, froito da nosa era: histórico, biolóxico, matemático, lingüístico, científico, xeográfico... económico. Inventos que condicionan a nosa existencia.
Creo que non cabe dúbida de que é unha materia interdisciplinar; está para contribuír a que os mozos e mozas de 3º e 4 adquiran as competencias básicas de etapa que están numeradas na última lexislación ( dende o meu punto de vista, o mellor desevolvido no currículo), e que poderían ser, un pouco adaptadas:
- competencia para comprender un texto escrito, ler e falar, escoitar e comunicarse.
- competencia para aprender a aprender participando educador e educando.
- competencia no coñecemento do noso contorno, interactuando para a súa conservación e mellora.
- competencia no uso de novas tecnoloxías que eles utilizan para o lecer e que teñen grandes posibilidades para a aprendizaxe e a creatividade.
- competencia matemática como linguaxe útil na vida cotiá.
- competencia social e cidadá, coñecemento da realidade socio-política e dos oficios claves da nosa economía
- competencia cultural e creación artística, sensibilidade, percepción e creación propia.
- competencia en alcanzar autonomía, iniciativa persoal e mellora no coñecemento acerca dun mesmo
Esta última sería, ao meu xuízo, a competencia estrela a traballar dende o Obradoiro de Iniciativas para 3º e 4º da ESO.
1 comentario:
Ola Lurdes,
Son profe de FOL que estou aproveitando parte dos teus materiais para 3º e 4º da ESO. Só quero felicitarte polo teu traballo, pola frecura dos mesmos, pola interdisciplinariedade e integración das TIC e, sobre todo, polo entretido que nos resulta a todos (profe e alumnos) traballar con estes materiais. De verdade, parabéns!!
Publicar un comentario